As Four Corners ("Catro Cantos") son unha rexión do oeste dos Estados Unidos da América coa particularidade de seren o único lugar do país onde se encontran catro estados, que, no sentido horario, son Utah, Colorado, Novo México e Arizona.
Esta singularidade xeográfica está situada en terras dos indios navajo e ute (estes últimos teñen unha reserva na "esquina" do Colorado).
A pesar da súa remota situación é un destino turístico popular, e xa desde 1912 conta cun marco, substituído en 1992 por unha placa de granito cun disco de bronce que marca o punto, rodeado dos escudos e bandeiras dos estados respectivos. Para acceder ao monumento é preciso pagar a entrada de 3$.